“Cinema para unha revolución”

Festival “Cinema para unha Revolución”
A Coruña, agosto do 2012

A Rede RobinHood (@RobinHoodOP) apresenta o Festival “Cinema para unha Revolución”, unha iniciativa que durante tres xornadas tratará de amalgamar arte e reflexión política.
O propósito fundamental do ciclo é funcionar como unha ferramenta para as luitas concretas que, como desafio contemporáneo fronte a agonía do sistema capitalista, tratamos de construir novas formas de organización social, ao fin democráticas e igualitarias.

Tratando de aportar coñecemento e debate a un momento crucial da historia recente, ofrecerase unha escolma de 3 sesións entendidas como versátiles e significativas:

Comezamos o *martes 28 de agosto (21.30 horas)* coa proxección de DEBTOCRACY (2011), o documental independente dirixido por Katerina Kitidi e Aris Hatzistefanou a modo de ensaio sobre as causas da hecatombe socioeconómica da Grecia actual, convertida ao seu pesar en metáfora da disolución da Europa entendia como próspera. As xornadas serán presentadas nesta sesión e con posterioridade a proxección haberá un debate con activistas vinculados a movementos contra o pago da débeda ilexítima.

O *mércores 29 de agosto (21.30 horas)* unha sesión galega recupera tres pezas coa presenza das súas autoras, Peque Varela e Uqui Permuy, cineastas recentes e consagradas. As curtametraxes de animación da ferrolá Peque Varela 1977 (2007) e GATO ENCERRADO (2010), exploracións cheas dunha colaxe de procedementos formais singulares, respectivamente sobre a identidade sexual e a loita de clases, viaxaron por festivais de todo o mundo gracias ao seu perspicaz e hábil discurso. O filme documental DOLI, DOLI, DOLI,…COAS CONSERVEIRAS. REXISTRO DE TRABALLO (2011) da artista Uqui Permuy gravita en torno a dous tempos distintos (os anos 80 e hoxe) amosando o estatuto mesmo da imaxe e a necesidade das loitas laborais que non poden nin deben cesar.

O *xoves 30 de agosto (21.30 horas)* pecharemos este tributo ao cinema de intervención política cun dos filmes máis importantes en torno á importancia do maio do 68 francés. MOURIR Á 30 ANS (1982) de Romain Goupil, un retrato da militancia que precisamente fai converxer cine e actividade política coa figura emblemática de Michael Recanati, activista e amigo persoal do director suicidado en 1978.
O debate contará con a presencia de activistas que tratarán de lanzar liñas sobre as potencialidades e eivas que as realidades militantes e activistas aportan en momentos sociais álxidos.

Todas as sesións terán un debate posterior.

En liña de principio, todas as sesións terán lugar en O Mentireiro (rúa Beiramar, 12), Monte Alto, A Coruña.
Algunha das sesión, se a loxística e a climatoloxía o permiten, terán lugar nun espazo público exterior. Pregamos atención a este respecto.

Os comentarios están pechados.