As grandes superficies comerciais: realidade e consecuencias

…ante intento de construir a marca Coruña, como cidade Centro Comercial, ante a insensata apertura do monstro Marineda City a RDS lanza este manifesto…


13 pasos que destrúen a cidade

1. Especulación:

A apertura de grandes superficies comerciais ten suscitado operacións de especulación inmobiliaria do solo. É habitual que a aparición dun centro comercial estea precedida de operacións de compra-venta de terreos ou bens inmobles coa  intención especulativa de revendelos posteriormente.

2. Corrupción:

Estes procesos de especulación inmobiliaria veñen acompañados de posibilidades para a corrupción urbanística e o abuso de poder por parte de cargos e funcionarios públicos que, ligados á iniciativa privada de grandes grupos económicos aproveitan a falta de planificación urbana e a ambivalencia das normativas para o enriquecemento privado. A pouca transparencia destas prácticas suxire indicios de filtracións de información privilexiada desde as administracións públicas cara aos lobbies económicos da construción e a xestión comercial a grande escala.

3. Malversación:

Só mediante un investimento inadecuado de caudais públicos pódese dotar a estas iniciativas privadas das infraestruturas que precisan para a súa actividade. A grande cantidade de fondos públicos empregados en dotar de infraestruturas e servizos ás grandes superficies comerciais de beneficio privado chocan claramente coa concepción da inversión realmente pública.

4. Economía deslocalizada:

Lonxe de xerar riqueza local, os fluxos económicos das grandes superficies comerciais son un claro exemplo da nocividade do mercado globalizado; empresas de tributación desequilibrada que non crean riqueza localmente. Grandes superficies que capitanean a economía neoliberal concentrando a riqueza nunha sorte de novas elites locais e destruíndo o tecido económico consolidado da cidade.

5. Destrución do pequeno comercio:

As grandes superficies comerciais imposibilitan a pervivencia dos tecidos de pequena produción e consumo, agrandando as dificultades que o pequeno comercio ten para a súa supervivencia nos barrios. Debilitan as redes de economía doméstica e destrúen os mercados locais, funcionando como auténticas apisoadoras monopolistas. As grandes superficies comerciais empregan técnicas abusivas para eliminar o tecido de pequeno comercio de proximidade.

6. Precariedade laboral:

As grandes superficies comerciais son espazos onde o traballo precario adquire un carácter hexemónico. Contratos lixo, horarios abusivos, salarios de moi baixa cuantía, intermitencia e temporalidade na contratación, elevadas doses de presión laboral e risco nas condicións de saúde laboral, son algúns dos síntomas causados polo modo de
explotación que padecen as persoas que traballan nelas.

7. Consumo irresponsábel

O sistema de consumo potenciado polas grandes superficies comerciais dista moito da sustentabilidade económica, social ou medio-ambiental. Algúns indicadores que apoian a anterior reflexión poden ser: a baixa calidade e os deficientes sistemas de fabricación da maior parte dos produtos á venda; a desequilibrada e inxusta relación económica entre o produtor os intermediarios e o vendedor final; o déficit ecolóxico dos procesos de fabricación; a prevalencia das grandes marcas; etc…

8. Homoxeneización:

O tipo de ocio e consumo preponderante nas grandes áreas comerciais estandariza as influencias e os gustos culturais, impoñendo cánones estéticos a toda a cidadanía e eliminando a diversidade. Unha homoxeneización favorecida pola concentración nestas grandes superficies comerciais de empresas multinacionais que aplican patróns de produción e venta baseados nas formas e tendencias empresariais da cultura dominante.

9. Privatización da cidade:

En esencia o espazo público é aquel que se goberna de maneira pública. Converter os lugares de relación comunitaria, de natureza pública, en espazos de xestión e control privado, limita o desenvolvemento comunitario ao tempo que empobrece a vitalidade da cidade. A heteroxeneidade na composición e uso da cidade é un dos grandes valores no análise da súa riqueza, xa que potencia a solidariedade entre as persoas e o desenvolvemento de valores de xustiza social. Dita heteroxeneidade desaparece en espazos privados, onde se impón o dereito de admisión reservado.

10. Segregación:

As grandes superficies comerciais son espazos privados entregados a políticas de control que levan implicita a exclusión de determinadas capas da poboación. Migrantes sen papeis e persoas en situación de exclusión social son sistematicamente seguidas e perseguidas, cando non expulsadas destes centros de consumo e privatización do ocio.

11. Xentrificación:

A planificación e apertura dunha grande superficie comercial ven acompañada dun proceso de transformación urbana e social no que a poboación orixinal dunha veciñanza ou barrio é progresivamente desprazada por outra de maior nivel adquisitivo rematando así cun tecido social consolidado a través dos anos e construíndo auténticas barreiras de fragmentación urbana.

12. Mobilidade:

As grandes superficies comerciais destrúen os equilibrios da cidade, impoñendo modelos de mobilidade dependentes do vehículo particular. A nova disposición urbana que determinan os centros comerciais, empeoran un modelo de saturación automobilística xa de por si desequilibrado .

13. Perda de urbanidade:

A zonificación de usos na cidade que supón o traslado da actividade comercial á súa periferia, conleva unha perda de vitalidade do espazo público tradicional. A riqueza das rúas vese mermada polo peche dos seus comercios, facendo do percorrido peonil das mesmas unha experiencia máis monótona e falta da tranquilidade que outorga o espazo habitado.

3 ResponsesAs grandes superficies comerciais: realidade e consecuencias to “”

  1. nomepisesofreghao

    A posta en marcha de monstruos deste tipo ademais ten unha lectura de xénero respeito do “pan para hoxe fame para mañán” que afecta especialmente ás mulleres, xa que ocupan unha grande porcentaxe dos traballos de servizos que nestes mamotretos se producen, sobre todo os de baixa cualificación e remuneración e condicións. Apostan por deixar quizais outros empregos ou oportunidades ante a fascinación das grandes empresas, onde esperan unha maior estabilidade (que llo digan a quen curra en PC city), por exemplo. Ademais que perfiles de muller son os demandados? mulleres novas, guapas, brancas, payas… abren procesos de selección eternos, inmensos, nas que aquelas que teñen responsabilidades non compartidas non poden acceder, implican falsamente neles ao concello, por poñer outro exemplo, e así ás usuarias dos servizos públicos de emprego están entretidas mandando aquí e alí a súa candidatura, cando o peixe xa está todo vendido… podería seguir poñendo mil exemplos das consecuencias que Marineda xa tivo nas mulleres precarias desta cidade… pero ademais, sempre que penso en estes centros comerciais vexo a imaxe do uso que estas mulleres que finalmente non poden acceder a traballar neles, os usan como antes usaban a rúa, porque cando chove son lugares onde levar ás crianzas ou ás avoas e avós que coidan… a pecharse en cavernas como as que ben plantexaba Saramago… así nas rúas hai menos mulleres, menos avós e avoas e menos crianzas aprendendo do que tanto nos ensinou a moitas… grazas polo traballo compas!

  2. Grandes superficies comerciais: realidade e consecuencias

    […] Grandes superficies comerciais: realidade e consecuencias rede.blogaliza.org/2011/04/15/as-grandes-superficies-comerci…  por marinela hai 2 segundos […]

  3. bestbetting

    rede.blogaliza.org is my top 1 site now!
    best betting sites