Expedente de Regulación de Emprego en Caramelo: 237 traballadoras ameazadas

Onte a empresa Caramelo presentou finalmente o ERE polo que 237 persoas quedan na rúa.
A crise no sector textil e da confección non é unha novidade desta crise actual na que nos atopamos, xa vén de bastante mais atrás, a deslocalización da produción leva producíndose nestes sectores dende hai anos, Galiza leva sufrindo perdas de postos de traballo e precarización dos que se manteñen desde entón. Non é necesario salientar que tanto o textil como a confección son sectores históricamente feminizados e pouco movilizados.

O caso de Caramelo, como outros, víase vir, mais a situación agravouse desde novembro, cando as traballadoras comezan a observar o maior baixón de produción, comezan as negociacións coa empresa e nun período de 3 ou 4 meses prodúcense 87 despidos pactados.
Esta semana a empresa comunica que ten intención de propoñer un ERE e comezan as movilizacións, no ERE propóñense 237 despidos na planta de produción da Grela, que ten unho cadro de persoal de 450 persoas aproximadamente, maioritariamente mulleres, sobre un 80%. Este dato é un dos que a empresa está maquillando de cara á opinión pública dicindo que Caramelo dispón dunho cadro de persoal de 800 persoas, mais non é o caso, o ERE afecta á produción non ao comercio, nesas 800 persoas das que falan inclúese ao persoal de tendas. En calquera caso que os despidos supoñan un 30% ou un 52% é diferente, pero non deixan de ser 237 persoas, principalmente mulleres que fican na rúa, pero xa sabemos que o empresariado e a prensa sempre manexan os datos no beneficio dos mesmos.
Actualmente Caramelo pertence nun 92% a Manuel Jove e nun 8% á Xunta de Galicia. Despois do vivido no tema FADESA e a participación da Xunta durante o proceso, ¿cabe algunha esperanza de que este ERE se resolva, tal e como plantexan desde o cadro de persoal, con mudanzas no proceso produtivo e non cos despidos? Pinta mal a cousa!
Segundo as traballadoras de Caramelo cambios na produción poderían manter certa solvencia na empresa, unhas marcas como as que se producen na planta da Grela con calidade na execución e nos tecidos permitirían manter os prezos de mercado con marxes de beneficio, pero desde hai anos isto xa non é así, coa deslocalización da produción pretendeuse aforrar nos custos de traballo, e agora tamén nos custos dos materiais, e seguen pretendendo vender aos mesmos prezos, e Caramelo non é unha marca especialmente popular.


Onte presentouse o ERE despois dun último intento de negociación entre o cadro de persoal e a empresa, os termos non variaron e non só se apresentou o ERE senón que se leu a lista de nominadas e nominados a abandonar os seus postos de traballo nestes tempos tan propicios para a recolocacións, sobre todo cando estamos falando de perfiles con serias dificultades de acceso ao mercado de traballo, moitas das mulleres que onte se propuxeron para ser despedidas son mulleres que comezaron a traballar en Caramelo nos anos 70 ou nos 80, que actualmente teñen entre 40 e 60 anos, que seguramente cando comezaron a traballar non tiñan o grao de necesidade que despois si se tiña por circunsatancias da economía global, que non teñen outra experiencia nin, posíbelmente, outras expectativas tal e como está o sector, que van ter serias dificultades para incorporarse á economía formal e, polo tanto reubicaranse, as que podan, en sectores ainda máis precarizados (talleres subcontratados doutras empresas do sector, as que máis sorte teñan, emprego doméstico na economía informal e/ou desemprego) con todo o que isto vailles supor para as súas pensións.
Outra parte das persoas que onte escoitaron os seus nomes son mulleres mais novas, cun nível formativo medio/ baixo, con algunhas posibilidades máis de recolocación en sectores feminizados e, polo tanto precarios ou viceversa, neste perfil podemos observar a diferenza co que aconteceu tamén nos últimos tempos no sector do telemarketing, que viu sufrindo un proceso similar ao que agora vivimos na confección, despidos masivos, peches de empresas noutro dos sectores feminizados dos que vivía moita da cidadanía máis nova da cidade, unha diferenza é que neste sector a reciclaxe profesional é, se cabe, algo máis sinxela, as persoas do telemarketing teñen de media un maior nivel de estudos, as funcións realizadas contemplan traballar coas novas tecnoloxías, marketing, atención á clientela… traballos que poden dirixirse a outras profesións e permiten esa recolocación en outros sectores dos que si parece que, na Coruña, a crise da igual e seguimos desfrutando de novas aperturas de centros comerciais, grandes superficies nas que, quizais abran algunha tenda que venda roupa de Caramelo, fabricada en china, e tratando de que unha experta en marketing consiga convencer a alguén para que pague 600 euros por un traxe que custa unha ínfima parte e da que os beneficios seguirán redundando nos grandes peixes que manexan a nosa economía xunto cos nosos políticos, e utilizo os posesivos en primeira persoa porque por desgraza, ainda que unha sería máis feliz tratando de ignoralos, teño familiares, amigas e compañeiras que fican na rúa porque o señor Jove quere seguir sendo máis e máis rico co beneplácito da Xunta de Galicia, que dá igual de que pau vaia vai seguir apoiando incondicionalmente todas as súas decisións como fixo o bipartito cando FADESA e como fará agora o PP, tanto ten quen mande aquí, a marxe de actuación é limitada.
Para o vindeiro martes 12 de maio hai convocada greve na empresa, o cadro de persoal movilizarase na Grela un día máis e partirán en manifestación tratando de visibilizarse na cidade, informaremos de horarios e percorridos en canto se definan.

One ResponseExpedente de Regulación de Emprego en Caramelo: 237 traballadoras ameazadas to “”

  1. KeHoeff

    hey this is a very interesting article!