COMUNICADO DE PRENSA DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS OS REXUMEIROS DE ELVIÑA E CASTRO

Asunto: realoxo de veciños afectados pola expansión do Campus Universitario.

A asociación de veciños Os Rexumeiros de Elviña e Castro queren expresar o seu fondo malestar pola absoluta falta de respecto institucional das Consellerías de Vivenda e Industria e do Concello da Coruña para cos veciños expropiados de vivenda para a ampliación do Campus de Elviña, xa que logo incumpriron os compromisos de realoxo que estaban xa negociados e consensuados.

Despois dun ano de negociacións para chegar a un acordo que atendese ao cumprimento da legalidade urbanística que esixía realoxar os veciños expropiados polo campus; despois de que o alcalde da Coruña maniféstase publicamente o compromiso do concello de realoxar os veciños de Castro de Elviña; despois de que os Delegados de Vivenda e Industria se comprometesen a asinar o documento pactado para tal fin; despois de todo iso vemos que todos eses compromisos caeron en saco roto.

É por eses motivos que desde a nosa asociación consideramos culpábeis dunha auténtica tomadura de pelo aos responsábeis da Consellería de Vivenda que cesan, así como ao Concello da Coruña.

Resulta unha total incoherencia política dos responsábeis que xestionaban as institucións implicadas, que asinen os expedientes de expropiación e a licitación das obras para ampliar o Campus Universitario (Área Residencial Universitaria e Parque Tecnolóxico) sen preocuparse de que once familias vaian ser expulsadas das súas casas.

Parécenos impresentábel que unha Administración pública xogue coas vidas dos veciños comprometéndose a realoxalos para logo deixalos na estacada coa única realidade de documentos oficias nos que se lles expropia as súas vivendas.

Agardamos que o novo Goberno da Xunta e as súas Consellerías funcionen como unha verdadeira Administración e asinen os compromisos de realoxo acordados coa anterior.

A xunta directiva da Asociación de Veciños os Rexumeiros de Elviña e Castro

En Castro de Elviña a 18 de abril de 2009


Os comentarios están pechados.